
LABORATORIO ESCÉNICO
a compañía
Un proxecto de artes escénicas e musicais, estreitamente relacionado coa pedagoxía, a investigación escénica, a creación e a interdisciplinaridade.
GAL:
Laboratorio Escénico é unha compañía de danza, teatro e música residente en A Coruña.
Os nosos espectáculos son multidisciplinares e tratan temáticas sociais, como ferramenta para a reflexión, sempre dende as artes escénicas.
Actualmente, temos 3 espectáculos en xira:
– As Mapoulas. É un espectáculo de teatro, música, danza, poesía e audiovisual, enmarcado como un proxecto de Memoria Histórica, que conta a historia do último día de vida de Alicia Dorado, anarquista do barrio de Montealto fusilada na súa casa-refuxio en 1937.
As Mapoulas é un proxecto de investigación e creación escénica multidisciplinar que mestura a dramaturxia teatral, a danza, a música, a poesía e o audiovisual. Unha viaxe dende a ficción dun caso particular, baseada nun feito histórico local, ao universal.
A obra céntrase na figura histórica de Alicia Dorado, panadeira anarquista de 25 anos, e na súa casa refuxio sita na rúa do Carme nº6, na cidade da Coruña. En primeira persoa, fálanos do amor, da vida das casas refuxio, da militancia, do compromiso, das relacións coas outras compañeiras, do barrio e da liberdade nun contexto de gran represión que remata o 10 de xullo de 1937 coa súa morte e a de compañeiras e compañeiros nun asalto policial.
– Blues de Medianoite – Versión Estendida. Espectáculo multidisciplinar (danza, música e teatro) que transita entre o formato escénico e formato concerto. É un concerto de blues dunha grande calidade musical (con 4 músicos en directo), e un espectáculo de danza e de teatro, á vez. A ritmo de blues, entra no misterio e a sensualidade da noite, achegándonos ás raíces negras no movemento e na música, nunha viaxe no tren clandestino que conduce á liberdade. Pon en valor ás grandes damas do blues e a riqueza rítmica que ven directamente de África, sempre dende un filtro persoal. Isto é, o NOSO Blues.
– Blues de Medianoite, espectáculo de danza, teatro e música, para rúa e espazos non convencionais. Versión reducida, adaptable a todo tipo de espazos. É especialmente recomendable representalo de noite na rúa, coa iluminación que ofrece a compañía. Adéntranos nas imaxes que este xénero nos ofrece: o tren, o cruce de camiños, o clube, a noite…, pon en valor ás grandes damas do blues, con anécdotas das súas vidas e das súas carreiras, non sempre fáciles, exemplos de valor e amor pola música.
– Neste momento estamos sumerxidas nun novo proceso de creación, que conecta a cultura galega coa cubana. MONTE verá a luz no verán de 2025.
A compañía está dirixida por Alba Fernández e Carmen Cotelo, quenes en 2019, crearon a compañía e abriron o centro Laboratorio Escénico Coop, centro de artes escénicas e música, ó abeiro da cooperativa Laboratorio Escénico S Coop Galega. Dende a súa creación, produciron 6 espectáculos que xiraron por toda a xeografía galega e o territorio nacional.
Para saber máis sobre o noso centro, pincha aquí.
osespectáculos
Espectáculos de danza, teatro e música que achegan temáticas sociais a través das diferentes artes escénicas, a todos os públicos.
Espectáculos de danza, teatro e música
Creamos espectáculos multidisciplinares, de danza, teatro , clown, música, poesía, audiovisual, etc, convidando ó público á reflexión sobre temáticas sociais e historias que cremos que teñen que ser contadas. Todo dende a nosa visión artística, avalada por máis de 20 anos de experiencia nas artes escénicas.
Ofrecemos tamén formacións e programacións expandidas, relacionadas cos nosos espectáculos, para compartir co público as nosas ferramentas de creación. Diriximos formacións de danza e teatro dende o 2006, en diferentes centros e formacións intensivas en diferentes países. Cremos na formación das artes como ferramenta de creación de públicos e apertura de novas xeracións de amantes das artes escénicas.
Contacto
Abertas a contratacións e novas colaboracións. Se tés algunha dúbida ou proposta, Escríbenos!
LABORATORIO ESCÉNICO COOP